
O GALP Costa Sostible presenta 4 casos de éxito exportables ao territorio conxugando os sectores do turismo, a pesca e o seu patrimonio.
O vindeiro 14 de febreiro de 2018 ás 17:00h, no Coliseo Noela de Noia terá lugar unha xornada dedicada a salientar 4 casos de éxito relacionados coa pesca, o turismo e o patrimonio pesqueiro, exportables ao territorio do GALP Costa Sostible.
Esta xornada está dirixida a persoas con espírito emprendedor e curioso que busquen establecer o seu proxecto de vida no territorio do noso GALP.
Nesta xornada, estudaranse os mellores casos de éxito localizados en outras partes da xeografía española, e con relación directa co patrimonio do sector pesqueiro e a mellora da calidade de vida nas zonas rurais. Estas iniciativas están a vangarda no ámbito do desenvolvemento local, dando novos usos a espazos vencellados co sector da pesca para, dun xeito respectuoso, divulgar a cultura local. Deste xeito, preténdese mellorar a competitividade do sector empresarial e buscar novas alternativas de explotación reproducibles no territorio.
As persoas interesadas en asistir, poderán inscribirse de xeito gratuíto cubrindo o formulario ao que se accede a través da seguinte ligazón http://bit.ly/XORNADATPP ou ben dirixíndose ao correo electrónico xornadatpp@gmail.com
A apertura terá lugar ás 17:00h.
En primeiro lugar tomará a palabra nosa xerente, Manuela Oviedo, quen aproveitará a oportunidade para mostrar o labor do GAL Costa Sostible e para definir o tipo de xornada á que imos asistir.
Acto seguido comezarán os relatorios.
Ás 17:30h. Mikel Martí i Llambrich, director de El Espai del Peix, un proyecto para el desarrollo local, mostrará unha nova mirada ás subastas desde a lonxa de Palamós (Girona). Fundamentándoa en servizos de formación, capacitación e aprendizaxe.
A continuación será a quenda de Hermelinda Pedroso directora de ALBAOLA – Factoría Marítima Vasca, un museo vivo, localizado nun antigo estaleiro, onde se pode visitar o proceso de construción dunha embarcación tradicional.
Ás 18:30h será Miguel Ángel Luis Ravelo, director de marketing e persoal do MERCADO LA RECOVA, de Nuestra Señora de Africa – Santa Cruz de Tenerife, quen nos explicará como a autoxestión leva a fusionar nun espazo de peixería tradicional un espazo para a degustación, a frescura do produto sirve de base para un lugar gastronómico de calidade que o abre ao turismo.
Antes da rolda de preguntas e do ágape, finalizará os relatorios Marta Reinares Gómez, directora de la RESIDENCIA CAMPO ROMANOS. A través desta residencia, Marta e o seu equipo, loitan contra a despoboación e ofertan unha rede integral de servizos de calidade para cubrir as necesidades das persoas maiores no medio rural.
Sirvan estes exemplos de éxito como unha mostra de novas formas de creación de emprego e de desenvolvemento económico. Se ti tamén tes un proxecto interesante, tráeo ao GALP Costa Sostible. Ata o próximo 1 de marzo, está aberta a nova convocatoria de axudas 2019, ven a informarte.
#Apoiamosasboasideas #Nonsóaxudaseconómicas