Rías Sostibles é un proxecto de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños na nosa Ría. Promovido polo GALP e ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), está financiado polo FEMP a través da Consellería do Mar.
Tal e como recolle o noso Pacto Local polo territorio costeiro sostible, na mesa de diálogo cos axentes sociais dos municipios do noso territorio entendimos que o noso ecosistema mariño é fráxil: as actividades humanas na franxa costeira –desagües, puntos de vertidos non regulados ou non depurados- afectan ao mar.
Un recente estudo do Instituto Español de Oceanografía amosa que un 87% da mostra de peixes recollida no noroeste da península ibérica para a realización do estudo tiñan micro-plásticos no seu traxo dixestivo.
A pesar de que a nosa zona ten -e mantén- unhas características de interese paisaxístico xenuínas e nun alto grao de preservación, dende o GALP coincidimos cos axentes sociais do territorio na necesidade de continuar esta liña de conservación. A nosa realidade pesqueira, turística, cultural e biolóxica debe seguir sendo defendida -tal e como proxectamos conxuntamente no noso pacto local- e por isto consideramos de interese desenvolver proxectos como este.
Somos conscientes da importancia que a preservación da biodiversidade da nosa ría ten no desenvolvemento da actividade profesional dos traballos vencellados ao mar -descenso na calidade dos nosos produtos, impacto na actividade turística…- polo que avogamos polo desenvolvemento de proxectos que tenten paliar as consecuencias do vertido de residuos nas nosas augas. É por isto que este ano arrancamos dende o GALP o proxecto #RíasSostibles e implicamos nel ás confrarías de Porto do Son, Noia, Muros, O Pindo e Lira.
A metodoloxía lixo-blitz
Ao longo destes meses e con todas as medidas hixiénicas que son de aplicación -tendo en conta o contexto sanitario- estamos a levar a cabo actividades enmarcadas nas 3 liñas de actuación sobre as que descansa o proxecto: redución da cantidade de lixo mariño, accións de clasificación e reciclaxe de lixo mariño e formación en mellora da concienciación ambiental.
Tras ter encontros de diagnose cos axentes implicados no proxecto para a avaliación da súa percepción da contaminación da ría, centramos a iniciativa en formacións nas confrarías participantes: empregando a técnica do lixo-blitz -metodoloxía de categorización de lixo-, achegamos ao sector pesqueiro propostas para a concienciación na reciclaxe dos residuos.
Dende o equipo técnico de Rías Sostibles solicitamos a axuda dos concellos do territorio para que nos facilitasen contedores específicos para o almacenaxe dos residuos que ía recollendo cada confraría no desenvolvemento da súa actividade. Tras a formación asociada á categorización de residuos, puxemos en marcha o Observatorio do lixo e imos comisariar unha exposición co lixo recollido, para darlle unha segunda vida a eses vertidos ao tempo que creamos conciencia ambiental no territorio da Costa Sostible.
Continuamos traballando nas liñas motrices do proxecto coas confrarías participantes e andamos a elaborar unha Guía de boas prácticas das Rías Sostibles que axude na mellora da gobernanza para a recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco da actividades pesqueiras sustentables.
Andamos a gravar todo este proceso de desenvolvemento do proxecto e imos ter un documental que compendiará todas as actividades que andamos a realizar e que vos contaremos próximamente.