O Proxecto Tanza é unha iniciativa que procura a cooperación entre entidades de inclusión social do territorio e o sector do mar. Promovido por cinco dos GALP galegos -entre o que se atopa o noso-, Tanza busca promover o emprego inclusivo no sector pesqueiro das nosas rías, aproveitando as potencialidades do territorio e os recursos locais, tentando incluir os proxectos dentro dos lindes da economía circular. (SEGUIR LENDO)
O emprego inclusivo como eixo vertebrador do proxecto
O oitavo Obxectivo de Desenvolvemento Sostibles (ODS) lémbranos que “debemos traballar en promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todos e todas”. Tanza procura que esta máxima sexa de aplicación no territorio: fomenta a creación dun ecosistema de iniciativas que avoguen polo emprego inclusivo.
Na EDLP do GALP Costa Sostible recollemos a necesidade de colaborar a nivel supralocal en redes de traballo de colaboración con outros GALP: o Proxecto Tanza artéllase conxuntamente cos GALP da Mariña-Ortegal, Costa da Morte, Golfo Ártabro Norte e Sur e o da Ría de Arousa.
Porén, neste proxecto traballamos con entidades de inclusión social e o sector pesqueiro de todos os concellos costeiros dende O Grove ata Ribadeo. Poñemos así en contacto ao tecido asociativo e empresarial da inclusión social e as confrarías para intentar crear postos de emprego e iniciativas de colaboración empresarial entre os axentes.
Arrancamos esta iniciativa con entrevistas en profundidade co sector pesqueiro -confrarías, asociacións profesionais…- e co da inclusión social -tecido asociativo, centros de día, centros ocupacionais, centros especiais de emprego…- para coñecer polo miúdo a súa actividade, mais sobre todo as necesidades ou carencias que poidan atopar no desenvolvemento das súas tarefas, nunha tentativa de xerar sinerxías entre ambos e así conseguir que cooperen.
Sabendo as necesidades e particularidades dos axentes implicados no proxecto, comezamos co proceso de incubación de iniciativas inclusivas. A asistencia técnica de Tanza elabora un programa de mediación, asesoría e acompañamento de ideas de colaboración entre entidades do sector pesqueiro e de inclusión social.
O obxectivo é alumar actividades que, amosada a súa viabilidade, sexan capaces de prolongarse no tempo e de acceder a axudas dende diversas orixes.
Tal e como recollemos no Pacto Local Polo Territorio Costeiro Sostible, na Ría constatouse a necesidade de que as asociacións e organizacións de defensa de intereses dos discapacitados da zona traballasen en colaboración coa Administración co fin de identificar políticas e accións concretas que favorezan a inclusión do colectivo de discapacitados. Dende o GALP entendemos como primordial esta necesidade e é por isto que optamos por promover este tipo de iniciativas.
Pode solicitarse máis información sobre a iniciativa en tanza@tanza.gal e seguir ao proxecto en redes sociais en @proxectotanza (Facebook e Instagram).