O pasado 20 de setembro inauguráronse as Cabanas sen Barreiras, un exemplo de turismo inclusivo, aberto a todas as persoas, sen limitación por ningún tipo de diversidade funcional.
O acto contou coa asistencia da Conselleira do Mar, Rosa María Quintana, a Directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, o Deputado Autonómico Carlos López Crespo, a Alcaldesa de Outes, Beatriz Muíños e representantes da ONCE, COGAMI e FAXPG. Todos eles mostraron o seu apoio a unha iniciativa turística que pon o seu obxectivo na accesibilidade.
Un exemplo de responsabilidade social corporativa (RSC). Trátase de 6 cabanas deseñadas desde o seu inicio para converterse nuns aloxamentos que teñen a peculiaridade de resultar totalmente accesibles para persoas con mobilidade reducida, discapacidades auditivas ou visuais.
Para non supoñer ningún obstáculo para ningún tipo de disfuncionalidad, as Cabanas sen Barreias contan cun recinto que resulta amplo e cómodo, iluminado, e con axudas para as persoas con dificultades visuais e de mobilidade.
Ás cabanas accédese por unhas amplas pasarelas creadas para favorecer o paso de todo tipo de dispositivos de axuda á mobilidade.
A eliminación de barreiras entre as habitacións, a facilidade de acceso a elementos de cociña, sanitarios, jacuzzis ou mobles, a situación dos interruptores, o emprego de linguaxe braille nos indicadores sinalan o interese dos promotores en crear un produto capaz de satisfacer a demanda por parte duns colectivos desfavorecidos, que en moitas ocasións tamén contan con serios problemas á hora de acceder ao lecer ou ao descanso. As Cabanas sen Barreiras permitiralles gozar en igualdade de condicións co resto da poboación.
O conxunto convértese nunha oferta turística de calidade, debendo destacarse tamén a súa perfecta integración na paisaxe e os esforzos por preservar a flora autóctona.
Todos estas características valéronlle o apoio do GALP Costa Sostible. As Cabanas sen Barreiras contan cunha clara viabilidade económica, como demostraron as primeiras xornadas nas que sempre puxo o cartel de completo; o respecto ambiental e paisaxístico é máximo; ten un gran impacto na sociedade local, especialmente polos seus condicionantes de creatividade e impulso, e sobre todo desenvolve unha política de igualdade de oportunidades para todos os cidadáns, con especial incidencia sobre uns colectivos desfavorecidos ou cunhas necesidades específicas. Un conxunto de características que coincide plenamente coa filosofía que move as actuacións do noso GALP Costa Sostible.