Acudir ás oficinas do GALP Costa Sostible pode resultar o paso decisivo para percorrer o camiño entre unha boa idea e a realidade dunha empresa viable. Ao longo dos últimos anos son moitos os exemplos de proxectos que percorreron ese traxecto e hoxe forman parte do noso tecido empresarial ou da nosa realidade social.
Podemos traer a colación algúns exemplos correspondentes aos nosos tres obxectivos estratéxicos, para que podamos comprobar como o labor realizado correspóndese en todo punto coa filosofía que marca a actividade do GALP.
Sector pesqueiro.
Nas últimas convocatorias apoiamos ao sector pesqueiro do territorio dotando de financiamento a proxectos dirixidos á posta en valor de determinados produtos do mar; así por exemplo temos o caso de “Azul de Portosín”, dedicado a fomentar o consumo e as propiedades do peixe azul (sardiñas, xurelos e xardas), que son unha parte importante das capturas dos pesqueiros desa localidade. Outro bo exemplo sería “Polbo de Lonxa”, un proxecto que tivo efectos non soamente sobre a valoración do produto, senón que reactivou de forma notable á Confraría de Lira, que agora aspira a outro tipo de plans máis ambiciosos. Empresas como Mar da Morosa, Artesáns do Peixe e a súa aposta polo producto de calidade ou Mariscos Antón, que chega a alcanzar puntos de contratación de persoal de máis de 50 persoas, son outro magnífico exemplo de como os fondos europeos (FEMP) xestionados pola nosa entidade, alcanzaron un notable efecto sobre o emprego do territorio.
Diversificación económica.
O noso territorio tamén pode mostrar proxectos de éxito no apartado de diversificación económica. Ese é o caso, por exemplo, de O Semáforo de Fisterra, que en moi pouco tempo converteuse nun referente nacional dentro do turismo de calidade, unindo nunha localización excepcional, unha construción singular e o detalle e a calidade dunha moderna proposta hostaleira e de restauración.
As Cabanas sen Barreiras, son outro exemplo que podemos sinalar. Neste caso, o gran valor que suma esta proposta continuista das coñecidas Cabanas do Barranco de Outes, é a súa aposta decidida polo turismo inclusivo, marcando desde o seu primeiro bosquexo nun plano a necesidade de que todos os elementos do recinto respondan a un máximo nivel de accesibilidade.
Patrimonio cultural e natural.
Como exemplos de noso apoio á conservación do medio ambiente e a cultura tradicional podemos sinalar os “Contos do Mar”, un proxecto participativo, desenvolvido en Carnota, Dumbría e Fisterra, baixo a coordinación da confraría do Pindo, é un exemplo que pretende poñer en valor o patrimonio inmaterial vinculado á cultura mariñeira a través das historias de vida da xente local e audioguías ficcionadas que recollen a memoria dos lugares.
A rehabilitación do estaleiro Ciprián pronto dará os seus frutos e poderá identificar o Concello de Outes nun referente no eido da carpintería de Ribeira, converténdose nun impulso definitivo para “a ruta dos carpinteiros cos pes mollados” e en xeral para todo o Turismo Industrial da Ría de Muros Noia, que pasará a contar cun elemento patrimonial que nos entronca coa realidade duns tempos que non debemos deixar caer no esquecemento.
Finalmente sinalamos as melloras dos accesos á fervenza do Xallas, unha mostra de como é posible realizar un traballo que mellore a comodidade do público, sen menoscabar a calidade dunha paraxe natural que merece o máximo respecto.
En total nos obxectivos sinalados levamos financiados un total de 57 proxectos que supoñen unha execución de 6.297.499,12€ do total de 7.077.653,16€ de fondos asinados ao noso programa de axudas