O Xeodestino Ría de Muros Noia xa ten un plan estratéxico. Trátase dun traballo realizado dende a ARD Ría de Muros Noia, que servirá de base para os futuros investimentos, e que foi financiado nun 75,50% con cargo ás axudas xestionadas polo GALP Costa Sostible. Estas axudas están cofinanciadas nun 85% polo FEMP-Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e nun 15% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Con esta colaboración do GALP Costa Sostible deuse un paso decisivo para a coxestión dunha parte do seu territorio. A Ría de Muros Noia, xeodestino formado polos concellos de Muros, Outes, Noia, Lousame e Porto do Son, comezou a desenvolver un considerable labor no campo do márketing territorial, o que deu e dá lugar a unha gran serie de beneficios para un importante número de sectores.
Durante 2016, a ARD elaborou a súa estratexia de Turismo. Trátase da primeira planificación integral conxunta para toda a ría no campo do Turismo, aínda que a propia ARD xa avanzara algúns pasos neste campo ao definir unha marca e imaxe única para todos os municipios que integran o Xeodestino, marca Ría da Estrela, e algunhas outras actuacións piloto.
Na diagnose, destacouse a necesidade de dar un impulso a esta ría, xa que, segundo diversos datos, constaba como a menos desenvolvida turísticamente de todas as Rías Baixas.
Entre as liñas de traballo, non podían faltar as ligadas ao mar. Buscouse, neste punto, aproveitar esa desvantaxe indicada -o menor tirón turístico que tivo ata o de agora esta zona- para promover un modelo de desenvolvemento máis sostible e menos agresivo co contorno. A calidade das instalacións e do aloxamento foron claves. Tamén se considerou o turismo mariñeiro como unha fórmula capaz de achegar un crecemento ordenado e integrado coa idiosincrasia do territorio e con outras actividades económicas. Pero hai máis. Apostouse por un destino activo, non só contemplativo, aproveitando recursos de todo o territorio, non só da zona litoral. Reforzáronse os espazos naturais máis lonxe do mar, os cales deben albergar experiencias e actividades turísticas, dándose visibilidade a esta nova integración.
A efectos de comunicación, a Ría de Muros-Noia, Ría da Estrela, será un único destino. Tamén no tocante á información turística e á creación de produtos turísticos supramunicipais. No campo da xestión, tamén deberá avanzarse no consenso de actuacións turísticas. O obxectivo pois é propiciar un crecemento integrado de todo o territorio e baixo parámetros de turismo sostible. Dentro da aposta por este modelo de crecemento, ademáis estar integrado como eixo transversal, incídese específicamente en aspectos como a análise do impacto ambiental, as medidas de turismo accesible ou a identificación de interlocutores sociais que poden axudar a crear produtos ou definir estratexias específicas para colectivos con necesidades especiais.