
O mércores 8 de maio, un numeroso grupo de mariscadoras a pé do territorio Costa Sostible desprazáronse a Carril (Vilagarcía de Arousa) para coñecer o funcionamento dun produto de #turismomariñeiro: Amar Carril.
En primeiro lugar achegáronse ás oficinas de Amar Carril, onde lles agardaba Inma, quen sería o seu guía durante toda a xornada.

Tras unhas primeiras explicacións, o grupo, pertrechado con diversos tipos de anciños, dirixiuse a pé ata a praia máis próxima, onde continuarían as explicacións. Amar carril fornece anciños diferentes aos visitantes, algúns moi pouco afiados, para previr perigos, e mesmo anciños de plástico cando nas visitas tamén figuran nenos pequenos.

Tras fornecerlles unhas calzas, achegáronse á zona dos campos de cultivo, unha peculiaridade deste territorio. Trátase dunhas parcelas mariñas xestionadas grazas a unha licenza administrativa de longa duración, nas que cada mariscadora cultiva bivalvos coma se tratásese dunha horta.

Axudándose dun documento con abundante material fotográfico, Inma seguiu explicando a súa actividade de marisqueo, as peculiaridades dos parques de cultivo, as especies que alí se crían e os seus ciclos biolóxicos, a compra de sementes, o valor económico dos produtos e o perigo das raias de aguillón, aquí chamadas onxas, e que están presentes nas augas máis profundas.

Inma tamén dedicou un espazo ás especies depredadoras, entre as cales de forma sorprendente coouse nos últimos anos o xabaril, quen tamén parece mostrar interese polo marisco galego.
Loxicamente, tamén recibiron explicacións sobre a técnica e as ferramentas empregadas, coñecementos que inmediatamente procederían a poñer en práctica.

Durante un intre de tempo, as visitantes comezaron a extraer ameixas; dada as súas experiencia, neste caso o resultado instantaneamente foi exitoso.


A actividade de campo finalizou cunha práctica de sementado, tras a cal o grupo regresou á oficina de Amar Carril.

Unha vez alí, Inma mostroulles o material didáctico e promocional que empregan habitualmente, tanto na recepción de turistas como nas cada vez máis frecuentes actividades educativas de visitas de colexios.

Finalizou así a visita práctica do curso de #TurismoMariñeiro, facéndose fincapé unha vez máis na importancia de organizar adecuadamente as visitas, de adaptalas ao tipo de visitante que se reciba en cada ocasión e de elaborar un relato atractivo e ameno, deixando só unha parcela pequena para a improvisación, xa que un argumentado ben elaborado é o que máis contribúe ao éxito da actividade.
