
O vindeiro venres 21 de xuño celébrase a xornada Venver, xornada que se centrará nas vantaxes do traballo colaborativo.
O acto terá lugar no Edificio do Casino de Noia, o día 21 de xuño, en horario de 9.45 a 17.00 horas. Trataranse diferentes temas cos seguintes obxectivos:
- Coñecer as vantaxes de traballar en liña
- Establecer un espazo de intercambio de experiencias arredor dos espazos museísticos da Rede Rema
- Identificar necesidades, lóxicas cooperativas que se poidan producir entre entidades.
- Recoller ideas ou boas prácticas que reforcen as iniciativas nas que se está a traballar en cada unha das zonas costeiras.
A xornada comezará ás 9.45h cun café de benvida, despois ás 10.00h a presidenta da Rede Rema, Soledad Agra, presentará a xornada Venver. A continuación terá lugar a primeira actividade dirixida pola xerente da Rede Museística de Lugo, Encarna Lago. Unha dinámica de traballo para identificar potencialidades e retos para a creación dunha rede de traballo colaborativo entre os museos da Rede Rema .
Encarna Lago, con máis de trinta anos de experiencia na dirección e xestión de programas de museos, é experta en cooperación internacional e museos, en Museos, Xénero e Arte, e experta en Accesibilidade museística e museoloxía social.
Ás 12.15h terá lugar a presentación ‘Museo Marea, achegas a memoria e historia local’ a cargo do director do Museo Marea, José Manuel Vázquez Lijó, profesor de Humanidades da Universidade da Coruña. O Museo Marea, situado en Porto do Son, é unha visita obrigada para descubrir e afondar na cultura mariñeira. Contén unha colección única de pezas históricas a través das que se pode descubrir a conexión entre a terra e o mar.
Despois da intervención de Vázquez Lijó, é a quenda de Mariña López do Museo da Conserva (FUNPROMAR). FUNPROMAR é unha entidade que ten como finalidade contribuír á promoción cultural e social do sector conserveiro. ‘Do mar á lata: a historia das nosas fábricas’ é a presentación de Mariña López, que nos trasladará ao pasado e á historia das fábricas.
Rematadas as intervencións de Encarna Lago, José Manuel Vázquez Lijó e Mariña López, daremos paso ás 13.15h a un debate coloquio sobre ‘como aplicar a accesibilidade e o enfoque de xénero nos nosos museos‘. Un debate liderado por Encarna Lago.
Ás 14.30h faremos un descanso para xantar e intercambiar impresións, e por último, para finalizar a xornada, ás 16.00h realizarase unha visita guiada ao Museo do Mar de Noia.

Esta acción foi financiada nun 70% polo FEMPA (579,60€) e nun 30% pola Conselleria do Mar (248,40€).
