
Na mañá de hoxe, martes 30 de abril, tivo lugar unha nova xornada dos nosos cursos de capacitación para TURISMO MARIÑEIRO.
Nesta ocasión, os participantes desprazáronse ao porto de Sanxenxo, onde lles agardaba o Patrón Maior, Sauro Martínez.
Sauro, quen xa colaborara nas nosas xornadas de promoción dos cursos, é un pioneiro do sector pesca-turismo, xa que hai uns anos puxo en marcha o seu exitoso proxecto www.marineroporundia.com.
Nesta ocasión mostrouse ademais como un excelente anfitrión, mostrando aos interesados do territorio Costa Sostible tanto as claves como tamén os contratempos que poden atopar, pero sobre todo as vantaxes de apostar por esta iniciativa.
Un primeiro contacto coas peculiaridades da opción pesca-turismo.

Nunha primeira reunión informal nun café, Sauro explicounos como esta opción non é soamente unha boa fonte de ingresos complementarios para a tempada de pouco traballo ou escaseza de capturas, senón que tamén é un excelente escaparate para dar visibilidade ao sector e que os turistas valoren moito máis, non só a calidade dos produtos, senón tamén o esforzo e as dificultades do traballo no mar.
A importancia do fío argumental, un exemplo: o iate de Amancio Ortega.

A continuación, Sauro mostrou o porto de Sanxenxo. Un escenario que é un exemplo da necesaria convivencia entre as embarcacións dos pescadores e os luxosos iates do veciño Club Náutico de Sanxenxo.
Neste percorrido fíxose fincapé na gran importancia que ten a elaboración dun ameno fío argumental. Este “discurso”, salpicado de anécdotas e curiosidades é básico para atraer a atención dos turistas e para redondear o valor do conxunto da experiencia de navegación.
A necesaria convivencia entre a pesca e o recreo.


Chegou o momento de subir a bordo do “Praia de Sanxenxo”, unha embarcación coa que Sauro e os seus mariñeiros dedícanse preferentemente ao polbo, pero tamén ás nécoras ou mesmo rodaballos e outros pescados.
Comeza a experiencia de navegación no “Praia de Sanxenxo”.

O día estaba desapracible, pero tanto a tripulación como os invitados eran expertos mariñeiros e todos estiveron de acordo en que, aínda que o sol e o bo tempo ofrece un maior atractivo para os turistas, esta experiencia pode realizarse en calquera momento (salvo en casos de mala mar), e que sexan cales sexan as circunstancias, sempre resultará de interese para os visitantes.
Navegando por augas da Ría de Pontevedra, Sauro seguiu debullando diversos aspectos técnicos, por exemplo o referente a dotación de servizos, pero dedicando tamén tempo a analizar conceptos administrativos dos permisos.
Degustación de productos mariñeiros.

Ao final da travesía, José, Torres e Quin, foron obsequiados cunha degustación de “polbo a feira” preparado no mesmo barco. Sauro sempre incorpora esta degustación dentro da súa xornada de mariñeiro por un día, xeralmente polbo e nécoras.
Quin, Torres e José xunto a Sauro Martínez.

Os nosos mariñeiros tomarían boa nota de como articular unha experiencia completa para satisfacer as expectativas máis esixentes. Esperamos que en pouco tempo a Ría de Muros Noia poida contar con estas opcións de pesca turismo como un novo recurso que ofrecer aos visitantes.
A embarcación de Quin, agardando para o seu uso de pesca-turismo.

