
As instalacións do GALP Costa Sostible acolleron unha reunión entre a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro SEO de Fisterra – Ría de Muros Noia e a subdelegada do Goberno, María Rivas.
44 mulleres de entre 30 e 60 anos compoñen esta asociación dedicada a dar visibilidade e a afrontar as problemáticas do seu traballo, uns obxectivos que atraeron a atención de María Rivas, quen propuxo esta reunión coincidente coa data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible, iniciou a reunión cunha presentación de todo o traballo realizado pola asociación desde a súa fundación en 2016. Esta presentación realmente foi unha mostra do agradecemento que o GALP sente por unha asociación que se converteu na súa colaboradora estreita para alcanzar os seus obxectivos neste territorio.
Tras a presentación, comezou un animado diálogo que se alongou case durante dúas horas. En primeiro lugar valorouse moi expresamente a capacidade destas mulleres para achegar tempo e traballo aos obxectivos da Asociación, tendo en conta que todas contan con persoas ao seu cargo, sexan maiores ou fillos, o que lles complica a conciliación entre a vida laboral e a familiar. Sería preciso organizar un servizo de asistencia aos maiores e nenos dependentes destas mulleres, adaptado a facilitarlles o cumprimento dos seus horarios de traballo
En segundo lugar, a subdelegada do Goberno tomou nota das dificultades dun traballo nun medio hostil, que ocasiona unha serie de complicadas enfermidades profesionais que deben ser recollidas nun catálogo.
De igual maneira sinalouse a necesidade de incrementar o coeficiente de redución para a xubilación, equiparándoo co de marisqueo á flote; e tamén a necesidade de regular a permanencia do PERMEX en períodos longos de baixa por enfermidade, como pode ser o cancro de mama, sen que ao incorporarse volva haber que iniciar os trámites para a xestión dun novo, con todo o que isto implica.
O relevo xeracional foi outro punto quente. Se xa resulta complicado atopar zume novo para incorporarse a unha tarefa tan dura como o marisqueo, a obrigación de requisitos como o dun ano de paro previo, engaden máis dificultades á necesaria sucesión
Outro tema moi comentado, e moi oportuno para debatir un 8 de marzo, foi a falta de representatividade. Sería moi valorado que se elimine nas Xuntas Xerais das Confradías a distinción entre marisqueo a pé e a flote onde o 90% de traballadores son homes. Que as mulleres pasen ao marisqueo a flote é unha opción moi difícil, por todos os gastos asociados a esa variante, o que axuda a perpetuar esta situación de falta de representatividade.
Este panorama que parece pouco alentador: un traballo en condicións duras, e con dificultades para expoñer as súas problemáticas, resulta con todo unha tarefa grata; e o é principalmente polo extraordinario ambiente de traballo creado entre unhas compañeiras capaces de introducirse no mar, mesmo nos días máis desapacibles, sempre con bo humor e cunha camaradería envexable.
A nosa felicitación para elas nesta data tan sinalada.