
Cando nos aproximamos a unha nova conmemoración do 8 de marzo, no GALP Costa Sostible queremos render unha homenaxe ás mulleres do noso territorio. E para iso nada máis axeitado que personalizalo na Asociación de Mulleres do sector pesqueiro SEO Fisterra Ría de Muros Noia, unha entidade nada en 2016 que, desde a súa creación, mostrouse como un apoio decisivo para progresar no desenvolvemento das nosas estratexias de igualdade.
Todas estas compañeiras que traballan no sector pesqueiro teñen perfís diferentes: son redeiras, mariscadoras, percebeiras, armadoras ou bateeiras; poden dedicarse á extracción ou á transformación, pero todas elas teñen algo en común que lles converte nunha piña: están obrigadas a compatibilizar a vida familiar co seu traballo no mar. Deben coidar maiores ou educar nenos, deben levar adiante unha casa, unha familia.
Un labor incansable que con todo non lles impide ser absolutamente colaboradoras, atendendo permanentemente ás nosas peticións de axuda para impulsar proxectos, para dar apoio ou para participar en infinidade de iniciativas, tanto sexa para alcanzar un recoñecemento mundial ao marisqueo como para loitar contra os microplásticos.
Neste 8 de marzo, que é o día de todas e de todos, queremos mostrarlles noso máis sincero agradecemento. E aproveitamos este recoñecemento para facer un repaso das súas actividades nestes anos, un catálogo que é unha mostra perfecta da súa capacidade de traballo e da súa implicación cunha serie de temas ou problemáticas que afectan directamente á nosa comunidade.
Os seus obxectivos son conseguir o recoñecemento dos seus dereitos profesionais, apoiando e asesorando a outras mulleres do mar e fomentando a solidariedade entre elas; apoiar a defensa dos intereses económicos, sociais e profesionais das asociadas e da nosa zona de influencia; impulsar actividades comúns e programas formativos; reforzar a colaboración e o traballo en rede con outras mulleres e colectivos, tanto do sector do mar como doutros ámbitos.
Desde a súa creación, a Asociación desenvolveu un notable traballo dentro do seu ámbito de actuación. Destacaremos algunhas das actividades máis importantes:
- Participaron no congreso organizado en Gijón pola Red Española de Mujeres del Sector Pesquero, onde a súa presidenta interveu na mesa sobre Avances das organizacións de mulleres do sector pesqueiro.
- O proxecto Candieria, realizado ao longo do 2017 e 2018 supuxo enfrontarse ás dificultades do sector, servindo para alcanzar unha maior relación entre as mulleres do sector.
- Co proxecto Aliadas abordaron diversas liñas de traballo e realizaron encontros con outras profesionais do territorio.
- En 2019 un novo curso mellorou as súas habilidades sociais para que as asociadas poidan desenvolverse persoal e profesionalmente; algo similar ao conseguido con un curso posterior de competencias dixitais.
- O programa de saúde e benestar, que tivo lugar entre novembro e decembro do 2020, centrouse en analizar os riscos e as doenzas derivadas do exercicio profesional do marisqueo, achegando unha serie de boas prácticas e paneis con recomendacións.
- Un novo taller dedicouse a abordar a problemática da violencia contra as mulleres, incluíndo unha sección de defensa persoal e poñendo voz o 25 N ás mulleres asesinadas, cun tema musical de creación propia.
- E finalmente destacamos o seu liderado na presentación de proxectos de interese para o territorio en colaboración cos concellos e e coas Confrarías , como o apoio á candidatura do Marisqueo na Ría de Muros-Noia a Patrimonio Inmaterial , xa que elas foron as nosas voces nas reunións coas recolectoras de orilla das Illas de Chiloé e Tenglo (chile), ou como a creación da Aula Sostible do Freixo, que supón un gran impulso na loita contra o lixo mariño, dotando dunha nova vida aos desfeitos, reconvertidos en ferramentas do sector.
Sempre agradecidos, desexámolle vida a esta asociación por moitos anos