
O Semaforo de Fisterra acolleu unha nova sesión do noso CURSO DE FORMACIÓN PARA PROMOTORES.
O emblemático establecemento, nacido nas nosas últimas convocatorias de axudas de fondos europeos, resulta un escenario perfecto pois ademais de contar cos servizos adecuados, é unha proba real e palpable de que unha boa idea pode converterse nunha empresa de éxito.
Celso Martínez, director e coordinador de proxectos da empresa pQliar Consulting, foi o encargado de abrir a sesión, e fíxoo presentando a Jacinto Picallo, xerente do Semáforo, quen tivo a deferencia de dedicarnos unhas palabras sobre a súa experiencia como participante dun anterior curso de formación e como novo empresario nun sector que descoñecía.
Esforzo e entusiasmo son os dous alicerces sobre os que Jacinto edificou un proxecto tan fermoso como o do Semáforo de Fisterra. E este é o seu consello para os novos promotores: non vai ser fácil, pero compensará. A continuación deu comezo a xornada de formación.
Nesta ocasión a temática foi a “CALIDADE NA ATENCIÓN AO CLIENTE”. Un tema decisivo para os novos proxectos de hostalería (futuros hoteis en Ézaro, Muros, Caldebarcos) e de turismo activo (Muros) que estaban presentes.
A encargada de impartir o curso foi Ania Alonso, xerente de xestión do hotel Bela Fisterra (un proxecto GALP Costa Sostible da anterior edición).
Ania, con ampla experiencia en hostalería nacional e internacional, mostrou unha serie de formatos que comezaron por descubrir se os novos proxectos estudaron correctamente aos seus clientes potenciais.
Unha vez superada esa fase, o seguinte é descubrir se sabemos actuar correctamente fronte aos intereses e necesidades deses prototipos de clientes. Ania ofreceu algunhas claves sobre os seus comportamentos tipo, para axudar a entendelos mellor e a estar preparados para anticiparse ás súas necesidades e para ser claros na toma de decisións, algo que nos pode axudar a aforrar investimentos e a optimizar beneficios.
Un correcto estudo do “ buyer persoa” e dos distintos operadores que xorden ante unha toma de decisións que pode levar a optar polo noso establecemento, pode non evitar algún erro ou algunha sorpresa, polo que a flexibilidade na toma de decisións tamén é un valor. Como exemplo, Ania falounos da súa recente experiencia no Bela Fisterra, onde na anterior tempada esperaban unha certa frecuencia de público infantil e no seu lugar recibiron unha cantidade enorme de clientes con mascotas.
O curso seguiu estudando diferenzas entre públicos nacionais e estranxeiros, e tamén analizando formatos para realizar cálculos de frecuencia e repetición.
Bea, Pío, Ignacio, Mónica e Alexandra tomaron notas e participaron de forma activa, co cal estamos seguros de que esta xornada resultou de moito aproveitamento. Quedan convocados para unha nova xornada, que estará dedicada á “ paquetización de produtos” e á posibilidade de tecer unha rede de colaboración entre as distintas empresas, como un magnífico exemplo de economía cruzada.