Nestes últimos días están a poñerse en marcha diversos proxectos nados dun compromiso de colaboración entre os GALP da nosa comunidade, e mesmo abertos á participación doutros GALP a nivel nacional e internacional.
Hai poucos días, en Camelle (Camariñas) o Museo Man acolleu a presentación de Morada Atlántica, un proxecto que nace da colaboración do GALP Costa da Morte co noso Galp Costa Sostible. Morada Atlántica poñerá en marcha varias propostas unidas polo nexo duns territorios ao redor dunha realidade común: a cultura mariñeira atlántica. Con esta base está a procederse á elaboración dun receitario de cociña atlántica, que será reforzado pola creación dunha etiqueta de cociña atlántica. Paralelamente creouse REMA, unha rede de espazos museísticos atlánticos, co mar como denominador común. O seu primeiro paso consiste nunha exposición dun grupo de acción costeira da rexión de Aveiro (Portugal), quen traerá desde o Museo Marítimo de Ílhavo un exposición sobre a pesca do bacallau, que se expoñerá no Museo Man de Camelle, na fábrica Sel de Muros (do 6 ao 26 de xullo, coincidindo con “Muros mira ao mar”), e finalmente en Laxe durante o mes de agosto. Esta atractiva exposición, un primeiro paso de colaboración internacional, presentaranos a dificultades da pesca histórica do bacallau con fotografías de Alan Villiers.
Tamén nestas datas bota a andar Candieira, unha rede destinada ao apoio e á promoción das mulleres do mar en Galicia. Este proxecto de colaboración está impulsado polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Sé de Fisterra-Ría Muros Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda.
Para o noso GALP Costa Sostible está convocado un primeiro encontro institucional o mércores 12 de xullo ás 12:00 na nosa sede de Noia. Pola tarde será a quenda dun encontro social, na Fábrica de Sel de Muros (Avenida de Bos Aires, 2), ás 19:30, ao que están convidadas as confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas a título individual que queiran implicarse no proxecto.
E en terceiro lugar, co respaldo da marca turística MarGalaica, nace a Ruta dos Faros de Galicia, unha serie de propostas turísticas e gastronómicas que percorrerán toda a costa galega mostrando recomendacións, itinerarios e consellos para que os visitantes sexan capaces de sacar o mellor rendemento a unha estancia na nosa terra. Neste proxecto de cooperación, que leva aos faros como imaxe e inspiración, participan todos os GALP galegos, do que resultará un traballo integrador que ofrecerá unha continuidade territorial que debería ser moi valorada polos visitantes.
Unha das primeiras actividades da Ruta dos Faros de Galicia consistiu na realización dun seminario técnico destinado a estudar o potencial turístico das embarcacións tradicionais de Galicia, seminario que tivo lugar o 29 de xuño en Combarro (Pontevedra), coincidindo co XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Como se pode ver, as actividades de colaboración están moi presentes na filosofía dos GALP. Nas próximas xornadas seguiremos informando das sucesivas sesións informativas que terán lugar para desenvolver todos estes proxectos.