
A xornada “TURISMO, PATRIMONIO E PESCA COMO FONTE DE XERACIÓN DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO” foi un punto de encontro para emprendedores do territorio. O GALP Costa Sostible presenta 4 casos de éxito exportables ao territorio conxugando os sectores do turismo, a pesca e o seu patrimonio.

O GALP Costa Sostible celebrou onte a xornada TURISMO, PATRIMONIO E PESCA COMO FONTE DE XERACIÓN DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO no Coliseo Noela no concello de Noia.


O evento, que dou comezo ás 17:00h, contou coa presencia de Santiago Freire, alcalde do concello anfitrión, que inaugurou a xornada xunto con Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible. A xerente, continuou alentando ao público asistente a innovar no terreo empresarial e a apoiarse nas axudas que esta organización presta. Así tamén, anunciou que a data de peche de recepción de solicitudes é o 1 de marzo de 2019 lembrando que as portas deste organismo sempre quedan abertas para a ilusión e a innovación.
Cunha exitosa convocatoria, dou comezo o núcleo da Xornada coa intervención de Miquel Martí, director de Espai del Peix de Palamós, que presentou o seu compromiso co sector da pesca e a posta en valor do patrimonio pesqueiro, presentándoo nun escaparate óptimo que permite chegar ao público turístico pero tamén ao local. Nenos e maiores asisten con regularidade a uns cursos e talleres que lles achegan ao mar e a recoñecer e preparar os seus produtos. O Espai do Peix ás veces é un museo, ás veces unha escola, ás veces un restaurante. Esta é a clave do seu éxito. Esta e o respecto polos temas que marcan a identidade local.


Albaola é chamado o “Universo Marítimo de Pasaia”, unha localidade costeira vasca que está a recuperar o patrimonio relacionado coa pesca, permitindo transmitila entre xeracións e aportando riqueza económica e cultural.

Enfrontándose en ocasións a trabas burocráticas ou á incomprensión administrativa, Albaloa segue cun ritmo definido. Non é un museo, é unha factoría; unha fábrica na que todos poden participar. Actualmente o seu labor estrela é a reprodución do San Juan, un baleeiro vasco de 28 metros, construído no século XVI e cuxos restos mariños permitiron coñecer ben as súas características e medios de construción. Actividade que recibiu o apoio da UNESCO. Pero Albaloa conta con outros apartados diferentes, o que lle permite ser especialmente dinámico e buscar diversos obxectivos.

Miguel Ángel Ravelo, acompañouse de 3 representantes da asociación dende a que autoxestionan un mercado municipal. O mercado de Nosa señora de África, ou Mercado Recova, sufriu o impacto do cambio do modelo económico poñendo en perigo os postos de traballo das persoas que nel traballaban. Así pois, uníronse para loitar en conxunto pola súa supervivencia e comezaron a innovar. Vinte anos despois, é un espazo que chegou a novos nichos de mercado grazas á apertura dunha zona gastronómica. Deste xeito, promóvese o consumo de produtos frescos do mercado e retroalimenta ambas actividades: os negocios de hostalaría e os de venta ao por menor.


Os relatorios deron fin coa inspiradora experiencia de Marta Reinares. Esta emprendedora, atopou o xeito de combater o despoboamento e envellecemento que están a sufrir os pobos do rural. Ela, buscou e atopou o xeito para, cos mínimos medios posibles, desenvolver un proxecto que da emprego a máis de 20 persoas, con grandes dificultades para a inserción laboral, desta pequena zona rural a través da creación da Residencia Campo Romanos. Nesta entidade, ofrécense servizos integrais a persoas maiores. Dun xeito respectuoso, manteñen unha actividade e produtividade que resulta beneficiosa para todos os niveis da sociedade deste pobo.


Os relatorios deron paso a unha amena rolda de preguntas na que se puido, unha vez máis, percibir o alto grado de interese que ten o público do territorio na materia. Posteriormente, e nunha situación máis relaxada, nos pinchos (con produtos do mar) percibiuse unha alta actividade de preguntas máis concretas e intercambios de teléfonos que fan confiar no éxito da convocatoria e na consecución do obxectivo principal desta xornada, que é conseguir a dinamización do territorio.


____
PARA MÁIS INFORMACIÓN:
GALP Costa Sostible
981 822 754
