
Este mércores, 19 de decembro, tivo lugar outra das actividades que compoñen a parte expositiva do PACTO LOCAL que o GALP Costa Sostible promove no noso territorio.
A xornada de hoxe, celebrada na Casa da Cultura de Corcubión, consistiu nunha charla-coloquio organizada en colaboración con La Voz de Galicia, e incluída dentro do seu formato ForoVoz.
A charla, presentada polo alcalde de Corcubión, Manuel Insua, estivo dirixida pola xornalista de RadioVoz Bergantiños, Verónica Couto.
O tema para tratar tiña por título: ” Muller e traballo: o reto da plena incorporación laboral das mulleres nas zonas litorais”. Contamos coa participación da presidenta da “Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca”, Rita Míguez, coa xornalista de La Voz de Galicia, Fernanda Tabarés, e coa nosa xerente Manuela Oviedo.
Nosa xerente comezou a súa intervención sinalando a importancia capital do mar no territorio Costa Sostible. Pero destacando que esta importancia do medio mariño ten que verse reflectida en terra, por iso puxo en marcha este PACTO LOCAL. Un ambicioso proxecto que tamén persegue desterrar a concepción que identifica ao GALP como un mero intermediario financeiro.
Esta conferencia-coloquio, como as que lle seguirán, dedicadas á “Paisaxe e territorio” ou ao “Medio costeiro e mariño”, son uns exemplos dun amplo concepto que podemos atopar máis detallado na nosa páxina web: https://costasostible.com/wp- content/ uploads/2018/03/territorio- costeiro- sostible-acordando-retos.pdf
Con respecto ao tema concreto da muller e o traballo, Manuela Oviedo sinalou unhas problemáticas que se están mostrando complicadas de combater e que dificultan a presenza feminina en determinados cadros laborais: 1) a estrutura familiar habitual, que lles obriga a un dobre papel traballo-fogar; 2) as dificultades de atopar transporte aos centros de traballo; 3) a falta de medidas que faciliten a conciliación familiar e laboral.
Rita Míguez centrou a súa intervención en destacar a importancia do papel da muller nos traballos do mundo da pesca. Unha importancia moito maior da que recollen os primeiros datos, que indican que dunhas 60.000 persoas dedicadas a este sector, o 16% son mulleres. En realidade este dato está moi desvirtuado, pois non considera como integrantes do sector ao persoal da industria conserveira, onde a muller representa o 80%, nin tampouco outros casos como o persoal dedicado á investigación, onde tamén son maioritarias.
A idea central de de a presidenta da “Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca” consiste en romper clichés, en facerse visibles e alcanzar cargos de relevancia. Rita superpón a ilusión á experiencia e cre que esa ilusión é o gran valor que será capaz de revolucionar o sector.
Fernanda Tabarés puxo sobre a mesa o enorme problema demográfico ao que nos enfrontamos. Se a pirámide poboacional española converteuse nunha hucha, a realidade galega aínda empeora eses datos. É preciso que todas as medidas destinadas a favorecer a conciliación e a crear as condicións máis favorables para educar aos fillos pasen a ser prioritarias dentro das políticas xerais. A inmigración tamén deberá colaborar a corrixir esta deriva tan perigosa cara á que nos diriximos desde hai varias décadas.
Na rolda final as tres relatores dedicáronse a contestar a preguntas dos asistentes, relacionadas coa importancia do asociacionismo ou os efectos de alcanzar postos directivos. Finalmente sinalaron a enorme importancia e a enorme sorte que temos de contar cun peixe e un marisco de tanta calidade, ou de contar cunha paisaxe tan privilexiada; e tamén da responsabilidade que supón o facer bo uso de todo iso e a obrigación de tomar medidas para a súa protección.
Non queremos despedirnos sen mostrar agradecemento a todo o público presente nesta noite complicada, que nos deixou unha nova traxedia na costa. O noso máis sincero pésame ás familias.