Este pasado sábado, 16 de febreiro, tivo lugar nas instalacións da Confraría de Pescadores de Portosín (Porto do Son), unha xornada dedicada a expoñer a situación das tres marcas xurdidas co apoio do noso GALP Costa Sostible e tamén a escoitar solucións e inconvenientes acontecidos noutras Comunidades Autónomas.
O acto comezou con coa benvida institucional de mans do alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, e do presidente do GALP Costa Sostible, Daniel Formoso.
A continuación Jesús Amieiro ( Quadralia SL) introdúcenos no mundo das marcas colectivas, explicando o proceso seguido para levalas adiante, as características que o individualizan e o relativo a imaxe e procura de notoriedade.
A continuación foron intervindo representantes das 3 marcas colectivas ligadas ao noso territorio.
Juan Gómez, técnico da Confraría de Noia, falou da actividade de consolidación da marca Berberecho de Noia e de todo o traballo realizado ata a data, non sen acabar recoñecendo que nosa gran marca real son os pescadores e as mariscadoras. www.berberechodenoia.com
A continuación Fernando Simón, comercializador da marca Polbo de lonxa, falou do seu produto, de como se foi desenvolvendo a comercialización e do efecto positivo que tivo sobre o prezo do produto.
O seguinte relator foi Argimiro Branco, comercializador do peixe azul de Portosín, marca que se desenvolveu en Hosteleria e consumidor final e que aínda ten un camiño que percorrer en canto ao seu recoñecemento global.
O primeiro invitado foráneo foi Jorge Campos, chegado de Tarifa, quen falou dos traballos realizados para diferenciar os seu produto, o voraz de Tarifa, dos peixes capturados polos veciños de Marrocos.
Tras unha pausa para un café, retomamos os relatorios con Fernando Mier, director da oficina de calidade alimentaria de Cantabria. Representando á anchoa de Cantabria, centrou a súa exposición nas Denominacións de Orixe e nas Indicacións Xeográficas Protexidas.
Finalmente, antes da animada quenda de preguntas e dunha degustación de peixe azul, pecharon a quenda de relatorios Juana Ojeda, secretaria da confraría de Agaete, e Montserrat Gimeno, xerente do grupo de acción costeira de Gran Canaria, quen nos falou de casos de éxito e de fracaso en marcas de garantía e trazabilidad. Nalgúns casos por falta de motivación do produtor, noutros pola falta de interiorización, noutros por erros promocionais e sempre por esquecer que ao final sempre é o consumidor o que pon ás marcas no seu sitio.
Nosa xerente, Manuela Oviedo, quen aproveitou a oportunidade de destacar o labor do GALP Costa Sostible como impulsor de proxectos propios como Polbo de lonxa, estivo acompañada pola Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, encargada de pechar o acto.
Para finalizar, os asistentes cruzaron o porto para dirixirse ao restaurante Casa Tella e Rosalía, onde gozaron dun menú degustación centrado no peixe “Azul de Portosín”.
Con tostas de sardiña afumada, sushi de xurelo, ceviche de xarda, crocante de xurelo y coca de algas con lombos de xarda mostráronnos as enormes posibilidades destes peixes tan sans para o noso organismo.