O proxecto de cooperación Candieira, participado por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, senta o precedente necesario para unha futura alianza entre as mulleres do sector pesqueiro.
No acto final deste sábado participará a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e serán as protagonistas de Candieira as que falen dos resultados desta Rede de apoio e promoción das mulleres do mar de Galicia.
Este sábado 20 de outubro o Museo do Pobo Galego de Santiago acollerá, a partir das 11 da mañá, a cita estrela de Candieira (Rede de apoio e promoción das mulleres do mar). Será un encontro onde mariscadoras, percebeiras, redeiras, bateeiras e outras mulleres con oficios relacionados co medio mariño presentarán os resultados deste proxecto de cooperación e traballo en rede dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Costa da Morte, Costa Sostible.
No acto participarán a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directoral xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o presidente do GALP coordinador (Ría de Pontevedra), José Gómez Castro, e a xerente do mesmo, Laura Nieto. Tamén estarán presentes os axentes promotores do proxecto, as presidencias e as xerencias dos Grupos de Acción Local Pesqueira que forman parte del e as representantes das entidades e empresas colaboradoras.
Agárdase que arredor de oitenta mulleres, as participantes de Candieira, acudan a este encontro. Algunhas delas falarán sobre os resultados dos programas Embarca e Aliadas, as dúas principais liñas de acción desenvolvidas ao longo dos últimos quinces meses.
Máis de cen participantes
Neste proxecto de cooperación e traballo en rede participaron, ao longo de dezasete meses, máis de cen persoas de toda Galicia, maioritariamente mulleres con oficios relacionados co medio mariño pero tamén doutros ámbitos de emprendemento. Elas tiveron a oportunidade de achegarse á xestión e organización dunha iniciativa empresarial, ben de turismo mariñeiro, ben de posta en valor do produto pesqueiro local dende a transformación e a gastronomía. Ademais, Candieira traballou no impulso e no empoderamento da base asociativa feminina dentro dos territorios dos seis GALPs participantes do proxecto.
Os obxectivos cos que nacera Candieira -favorecer o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras de Galicia e intercambiar coñecementos e experiencias desde a innovación- foron executándose ao longo destes meses grazas ao traballo de campo do equipo técnico, que se desprazou durante sucesivas xornadas ás vilas mariñeiras escollidas para desenvolver o programa. As propostas de traballo adaptáronse tanto aos horarios laborais como ás necesidades e arelas das participantes.
Adquirir competencias e prototipar os proxectos de turismo mariñeiro ou de impulso ao produto pesqueiro recreándoos e aprendendo a través da propia práctica foi a liña de traballo seguida nas sesións formativas de EMBARCA.
Fortalecemento do asociacionismo
Dentro do programa ALIADAS, de corte asociativo e de fortalecemento das habilidades sociais e comunicativas, indagouse na visualización da memoria emocional e colectiva, nos casos da Ría de Arousa, Golfo Ártabro Norte e Costa da Morte, coa elaboración de mapas da memoria das mulleres do mar destes territorios.
Na Costa Sostible as socias da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra-Ría de Muros-Noia traballaron na difusión e na comunicación da súa entidade, co fin de atraer a outras mulleres e ampliar este novo espazo de intercambio e toma de decisións.
No territorio do GALP Ría de Vigo-A Guarda avanzouse na transferencia de coñecementos entre as profesionais do mar e o mundo científico, mentres que no da Ría de Pontevedra as mariscadoras, baixo a supervisión de enfermeiras e fisioterapeutas, identificaron as doenzas que máis lles afectan e os coidados de prevención e deseñaron un cartel que lles permitirá adquirir novas rutinas saudables con recomendacións diversas e unha táboa de exercicios.