Non se trata do valor de xogarse a vida como en tempos de exploradores e conquistadores, pero no mundo da empresa, concretamente da empresa hostaleira, tamén hai valentes que abren novos camiños.
No caso que nos ocupa, esa valentía vénlles de serie. Dicímolo porque Mamá Celia, o establecemento que revoluciona a facha marítima de Fisterra, porta o nome dunha persoa singular.
Mamá Celia era Celia Rivas, unha moza fisterrá que, ao caer enfermo o seu pai, viuse obrigada a tomar os mandos da empresa familiar, Peixes Rivas. E de seguro fíxoo! Con só 20 anos sacou o carné de condutora de camión, converténdose na primeira muller de España dedicada a esa actividade.
En plena postguerra desenvolveu un traballo incansable, transportando os produtos do noso mar a Madrid e Barcelona. Grazas a Celia e outras persoas como ela os peixes e os mariscos de Galicia pronto se fixeron acredores dunha merecida fama. A súa determinación, liderado e capacidade de xestión fixeron posible que a pequena empresa familiar pasase a contar cun persoal de 300 traballadores. Esa valentía é a que converteu a Celia nun exemplo que agora os seus descendentes mostran como un orgulloso estandarte.
Da venda por xunto, á venda polo miúdo. “Moi miudo”, porque o que propón Mamá Celia non son grandes “ mariscadas”, para iso a localidade de Fisterra xa ofrece outras alternativas. A súa proposta son pequenas racións, pequenos caprichos que che podes dar no seu establecemento ou mesmo paseando polas rúas do pobo. Degustar unha pequena bandejita con percebes, probar unhas frituritas da ría, unhas zamburiñas en tempura…
En provincias do sur existe algún exemplo similar deste tipo de negocio, establecementos que fan desfilar aos seus clientes con cornetes de pescaditos fritos. a diferenza aquí é evidente, case folga comentala, pero hai que facelo: aquí do produto do que estamos a falar é do marisco galego. Ningunha broma.
E tiveron outro detalle valente máis. Denominan ao seu negocio como fast food (“o fast food do mar”) e mesmo adoptan algunha das súas características, como as quendas para encargar e recibir o produto. Aí os responsables de Mamá Celia xa rozan a audacia: o concepto “fast food” non goza de boa reputación, mesmo os seus máximos representantes mundiais rehúyen del e prefiren falar de “servizo rápido”. Pero por que negar o que é certo? O marisco prepárase nun instante, realmente a comida está preparada de forma moi rápida. Pois digámoslo sen ambaxes. Non se corre ningún risco, porque de todos os xeitos o que vai quedar no noso padal será a calidade dos produtos.
Para finalizar o proxecto, o envoltorio é excelente. O establecemento, de dúas plantas, ten un deseño moderno, luminoso e funcional. As vistas sobrevoan o porto e lévannos moito máis lonxe, ata o Monte Pindo, o Olimpo galego.
A reforma do antigo local no que traballou Celia Rivas, combinou perfectamente as vellas paredes coas enormes ventás. Non nos sorprendería atopalo proximamente como finalista dos premios do Colexio de Arquitectos de Galicia. Será só a túa apetencia o que che faga elixir entre consumir no local ou facelo polas rúas de Fisterra.
Atopámonos, por tanto, co primeiro exemplo dun “fast sea food”. Un caso único, que xa está en proceso de desenvolverse noutras localidades en formato de franquía, que merece todas as bendicións e que xa apunta maneiras de éxito seguro. Así llo desexamos a un dos máis orixinais proxectos apoiados coas axudas europeas que xestiona o GALP Costa Sostible.
Mamá Celia estaría orgullosa.
Mamá Celia Sea Food está en Paseo da Ribeira, 15 – Fisterra.
www.mamaceliaseafood.com