
O luns 10 de abril de 2023, levouse a cabo a primeira actividade do novo proxecto VEN VER.
VEN VER preséntase cunha dobre vertente, pode consistir na realización de visitas a outros territorios, así como na recepción de representantes doutras entidades na Costa Sostible. En ambos casos, o obxectivo é común: analizar fórmulas de traballo interesantes que están a dar os seus froitos e que se poidan implantar noutros ámbitos.
Nesta primeira xornada un grupo de mariscadoras do territorio do GALP Costa Sostible desprazouse ata a provincia de Pontevedra para coñecer GUIMATUR, unha entidade creada polas mulleres do mar de Cambados para mostrar o seu modo de vida e o patrimonio cultural do seu traballo.
A presidenta de Guimatur, María José Cacabelos, explicoulles de forma exhaustiva dende o proceso de constitución ata todos os pasos dados para poñer en marcha unha organización de visitas guiadas que está a ofrecer magníficos resultados.
Unha fórmula que pode ser replicada con éxito no noso territorio e da que ben tomaron nota as mariscadoras que se desprazaron ata alí.

Intercambio de experiencias en torno a Aula Sostible do Freixo.
Como explicamos, o noso programa de animación VEN VER ten unha dobre variante: podemos desprazarnos a coñecer formas de actuación que teñen éxito noutros territorios, ou podemos traer experiencias doutros territorios, para dalas a coñecer aos nosos promotores.
Por iso recibimos a distintas entidades de inclusión con experiencia en proxectos de economía circular de distintos territorios para que establecesen sinerxías e lazos de colaboración coas entidades participantes no noso centro de transformación do lixo mariño.
Así no náutico do Freixo tivemos a ocasión de coñecer en detalle os seguintes proxectos:
-Diversiplas, promovido pola Asociación Integro de Costa da Morte.
-Ártabro inclusivo promovido polos concellos de Fene, Narón e Ferrol, e as entidades Aspanex e Saude Mental Ferrol. Amecomar promovido pola Asociación Bata, Amegrove e o Concello do Grove.
E de formalizar contactos con outras entidades interesadas como a Asociación de redeiras o Fieital, as redeiras da Illa de Estrela de Corme ou a Asociación In-Red.
Agradecemos a Xavier Picos de Aspaneps , Rosa Carballo do Galp Ría de Arousa e a Tania e Lucila de Integro as súas exposicións.
Acto seguido démoslle a coñecer a nosa Aula Sostible do Freixo, do que Ana Belén Queiro da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro, e Teresa Abuyn da Misela realizaron unha detallada exposición.
- E finalmente realizamos unha visita ao Estaleiro Ciprián, museo da carpintería de ribeira, un atractivo proxecto de recuperación do patrimonio, apoiado polo noso GALP Costa Sostible.
Moi agradecidos por unha visita tan produtiva!
Esta xornada esta financiada nun 70% co FEMPA en un 30% pola Conselleria do Mar
