
A Confraría de Pescadores, San Telmo, de Porto do Son acolleu onte tarde a entrega dos diplomas dos novos cursos programados polo GALP Costa Sostible.

Nesta ocasión tratábase do “Curso de iniciación a pescaturismo. Sostibilidade e boas prácticas”, que contou con 19 participantes, e do “Curso de iniciación ao turismo mariñeiro. Redeiras. Sostibilidade e boas prácticas”, ao que se apuntaron 10 redeiras.



Isaac Gaciño, Patrón Maior de Portosín, actuando neste caso como secretario do GALP Costa Sostible, presentou o acto declarando que: “este proxecto de Turismo Mariñeiro engrandece nosa pesca e engrandece ao noso pobo, converténdose nun aliciente máis para nosas vidas: mostrar o noso traballo aos visitantes”.
A continuación tomou a palabra Emilio Queiruga, o Patrón Maior da Confraría de Porto do Son. Lembrando a pasada visita a Palamós organizada polo GALP, na que puido comprobar o funcionamento das actividades de pescaturismo desa localidade pesqueira do Mediterráneo, animou “a todos os armadores a dar un bo servizo poñendo en marcha unha actividade que, coa axuda do GALP, converterase nun bo complemento económico para a época de baixas capturas”.
Na entrega de diplomas tamén estivo presente a nova Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, quen destacou que “este é un momento de celebración que supón un fito a nivel persoal e tamén un fito a nivel colectivo. Estes diplomas non son soamente un certificado de capacitación, tamén son un símbolo do compromiso de todos coa nosa costa”.
A xerente do GALP Costa sostible, Manuela Oviedo, fixo fincapé en que as portas da súa entidade están abertas para apoiar a quen decida embarcarse no proxecto de pescaturismo, como xa sucedeu con 4 armadores da anterior convocatoria en Muros. Manuela mostrou tamén a súa satisfacción e confianza co resultado do curso de redeiras, “xa que abre novas e interesantes posibilidades para estas profesionais”.
Antes da entrega dos diplomas, Luis Oujo, alcalde de Porto do Son, pechou a quenda de presentacións destacando a importancia que os proxectos de Turismo Mariñeiro poden ter para Porto do Son. “A pesca e o turismo son os piares económicos de Porto do Son. Dúas actividades que, lonxe de ser incompatibles, poden converterse en complementarias. Esta formación é unha oportunidade para axudar a promocionar o noso excelente produto e a valorar o noso traballo e o noso pobo”.

