Na tarde noite do venres 10 de novembro, o Náutico do Freixo (Concello de Outes) acolleu a cuarta das nosas XORNADAS DE DIVULGACIÓN. Nesta ocasión, tras a presentación realizada por Manuela Oviedo sobre as próximas convocatorias de axudas dos #FondosEuropeos #FEMPA e das opcións complementarias que ofrecen os Polos de Emprendemento (https://polosemprendemento.gal/), chegou a quenda dos nosos relatores.
En primeiro lugar tomou a palabra Erme Pedroso, quen se viu obrigada a intervir por videoconferencia por motivos de saúde.
Erme Pedroso representaba ao museo-estaleiro Albaola Itsas Kultur Faktoria , de Pasai San Pedro. Xa falamos noutras ocasións das peculiaridades desta entidade e da súa capacidade para loitar pola pervivencia dos estaleiros tradicionais de madeira cun formato moi afortunado de museo-taller-centro de formación, que chegou a recibir ata 64.000 visitantes ao ano.
Nesta ocasión, Erme descubriunos algo novo: unha capacidade case ilimitada de relacionarse con outros organismos, entidades e empresas cos que comparte o interese por preservar a identidade dun territorio, por manter formas tradicionais de produción ou por conservar o patrimonio inmaterial dun coñecemento.
Nos seus mais de 20 anos de funcionamento, esta factoría marítima vasca relacionouse co goberno de Canadá, participou nunha concentración en Vigo, colaborou na limpeza do Prestige, acudiu á Bretaña francesa, asistiu a regatas solidarias, axudou a recuperar a fabricación de betumes náuticos en Burgos, participou en promocións de sidra, recibiu o respaldo da UNESCO para avanzar na construción da Nao San Juan, organizou Festivais Marítimos, botou novas embarcacións tradicionais…
Albaloa xa era para nós un gran exemplo polo seu sistema de funcionamento, pola súa filosofía e polo seu carácter inclusivo e solidario; desde onte, tamén é un exemplo pola súa extraordinaria capacidade de entrar en procesos de cooperación. Un bo modelo no que mirarnos.
Tras Erme, chegou a quenda do arquitecto Óscar Fuertes. Xa coñeciamos o seu traballo, porque o seu estudo de arquitectura Fortes-penedo, foi o responsable da reconstrución do Estaleiro Ciprián, premiada recentemente pola Bienal Española de Arte e Arquitectura.
Desde a Universidade da Coruña, Óscar Fuertes realiza a unha liña de investigación sobre “O patrimonio marítimo do borde litoral: as arquitecturas do mar. Patrimonio industrial e paisaxe cultural”.
Óscar entende a cultura mariñeira como un conxunto que engloba tanto ao territorio e a súa arquitectura, como ás persoas, a súa memoria e o seu traballo.
Esta visión integradora é a que fai que, por exemplo no caso dun estaleiro de ribeira, estúdense tanto os barcos como as instalacións, a madeira, o traslado da mesma, as variacións nos procesos de produción e a súa influencia sobre a paisaxe.
Dedicado a inventariar en fichas todos os elementos relevantes da cultura mariñeira, a elaborar unha exposición itinerante e á redacción dun documento final, que verá a luz o mes próximo; Óscar Fortes subliña que, se nos esquecemos do que hai detrás dunhas pedras, estas desaparecen, esquécense e esquécese todo o que representan; perderemos así a nosa identidade e a nosa esencia. Pola contra, se se valora e difúndese, converterase nun éxito de todos, como no caso do Estaleiro Ciprián: un éxito de quen o edificou, un éxito de quen o recuperou, un éxito de quen alí construíron barcos, un éxito do GALP Costa Sostible, do Concello de Outes e de toda a sociedade.
Como despedida, Óscar Fuertes, sinalou que por todas estas razóns, a preservación da Cultura Mariñeira non é unha memoria romántica, senón unha excelente base para o futuro.