Á fronte do Restaurante A Muradana sitúase a que xa é a cuarta xeración familiar. Unha referencia como esa e o estar situado nun dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia (Muros) fainos presupoñer moi claramente que tipo de cociña vai ofrecer este establecemento.
E efectivamente, A Muradana podería ser considerado o prototipo dos nosos restaurantes Km. 0: un local cunha carta moi coidada unida directamente á calidade dos produtos do mar, que é a súa principal despensa. Unha norma, a de empregar produtos autóctonos, que tamén estenderon ás carnes e verduras, sempre de proximidade e de tempada.
As caldeiradas, son un dos seus imprescindibles, sexan de raia ou de polbo, sempre utilizarán como base os produtos da Ría de Muros Noia. Tamén son moi destacados os seus arroces, todos eles de vocación mariñeira, baseados en mariscos, nos famosos berberechos da ría, nas ameixas ou nas luras.
Todo iso Km. 0 e todo iso excelente.
Pero esta última xeración quixo achegar algo máis, apostando por receitas e preparacións innovadoras para descubrir máis posibilidades para a xarda, a sardiña ou o pinto. Esta última cita non é casual: a elaboración do pinto curado, cortado en finísimas láminas con precisión asiática, converteuse nun dos emblemas cos que a Ría de Muros Noia, a Ría da Estrela, asistiu a presentacións promocionais por toda a península.
Porque a presenza do seu chef, Pepe Senande, foi constante en feiras galegas como Turexpo, Xantar, o Forum Gastronómico coruñés ou a presentación PREAMAR (unha proposta do GALP Costa Sostible realizada na praza de abastos de Compostela); pero tamén en Madrid ou Barcelona. Tanto nesas presentacións promocionais do territorio, como no seu día a día no restaurante, Senande réxese por un principio tan sinxelo como eficaz: gozar cociñando e facer gozar aos seus comensais.
Imos despedir coa sobremesa. Facémolo de forma expresa porque A Muradana é un dos poquísimos establecementos que aínda seguen ofrecendo a tortilla romana, unha sobremesa tradicional da cociña de Muros ao que se lle sinala a súa orixe en Portugal, xa que, non podía ser doutra forma, crese arribou a Muros da man dun mariñeiro portugués a finais do S. XIX.
A Muradana tamén ofrece ao visitantes servizo de hotel. A súa localización en primeira liña de praia permite ofertar aos seus clientes habitacións con fermosas vistas ao porto de Muros e a toda a ría. www.hotelmuradana.es