
Arrinca o programa “Un mar para todos” impulsado por GALP Costa Sostible SEO de Fisterra Ría de Muros-Noia cunhas xornadas náuticas organizadas por Adeco-Dea Noia (Agrupación Deportiva Costa Oeste Deporte Adaptado).
Se na anterior convocatoria a achega do GALP foi decisiva para materializar o proxecto de turismo inclusivo en “Cabanas sen barreiras” (Outes), nesta ocasión as “barreiras” que se eliminan son aquelas que ata agora impedían gozar plenamente da navegación, convertendo ao turismo adaptado nunha realidade.
Nun acto de botadura celebrado no peirao de O Freixo (Outes), amadrinado pola Conselleira do Mar, Rosa Mª. Quintana, o GALP entregou á asociación Adeco-Dea a Pioner Multi, unha embarcación que destaca pola súa amplitude e por resultar practicamente insumergible, e que está perfectamente adaptada para permitir gozar plenamente do mar ás persoas con mobilidade reducida, e que como sinalan os responsables de Adeco-Dea, abrirá unha porta á competición deportiva facendo posible que os usuarios saquen a licenza e mesmo poidan participar en campionatos de motonáutica adaptada.
A Conselleira do Mar trasladou que a iniciativa promociona valores como a convivencia, a integración social, a igualdade de oportunidades, o espírito de superación ou o traballo en equipo.
O presidente de Adeco-Dea Noia, José Barreiro, que agradeceu o investimento, adiantou que agora a asociación poderá seguir fomentando cursos formativos para as persoas con discapacidade e que así «deixen de ser suxeitos pasivos observando dende terra para gozar da riqueza do noso mar».
Tras a botadura tivo lugar un paseo marítimo ao que tamén asistiron a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; a alcaldesa de Outes, Beatriz Molinos; e os rexedores de Porto do Son, Luis Oujo; e de Noia, Santiago Freire, xunto a outras personalidades e representantes das confrarías de pescadores.
As xornadas de presentación de “Un mar para todos” continuaron con navegacións para os usuarios da asociación polo Tambre ata Pontenafonso, unha travesía ata o Club Náutico de Portosín, unha visita ao Museo Marea de Porto do Son e mesmo un traxecto ata Muros.
Foto ADECO El Correo Gallego